A mestura da música tradicional e moderna das dúas beiras do Miño, outra das propostas para o Orzamento Participativo

A mestura da música tradicional e moderna das dúas beiras do Miño, outra das propostas para o Orzamento Participativo

Facer realidade un intercambio cultural educativo entre as dúas marxes do Miño no eido da formación musical. Esa é a proposta da Escola de Música de Goian e da Academia de Música Fernandes Fão para a segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo, que remata o seu período de votación este 20 de febreiro tras dous meses nos que a cidadanía de Tomiño e Cerveira escolleu tres proxectos para desenvolver de xeito conxunto polas dúas localidades ao longo de 2018.

Esta iniciativa pretende acadar o achegamento entre docentes e alumnado procedentes destas dúas escolas de música e abrir un camiño de comunicación que xere fluxos reais en ambas direccións, “rompendo fronteiras psicolóxicas e xerando sinerxías que se traduzan en vantaxes reais colectivas sen fronteiras”. “Buscamos un intercambio real de música entre as dúas partes dun xeito interactivo no que poidamos trocar a bagaxe musical dos dous lados da raia, combinando o tradicional con contemporáneo, con toques máis modernos”, explica Pilar Ramos, presidenta da Agrupación Musical de Goián.

Esta actividade permitirá facer unha combinación destas dúas escolas, determinar un repertorio musical que mesture o acervo musical galego e luso con ensaios individuais dirixidos por Pedro Villarroel e por Gaspar André Fernandes para terminar organizando un encontro de convivencia musical de varias xornadas tanto para os ensaios colectivos como para a realización doutras actividades complementarias.

A proposta culmina coa organización de dous concertos da Banda da Amizade, un en Goián e outro en Vila Nova de Cerveira, para presentar os resultados musicais á sociedade lusa e galega. “O Orzamento Participativo é unha fórmula moi boa para xerar esa conexión entre as dúas partes, entre as dúas beiras do río, e que sexa unha conexión real”, explica Ramos, que ve no OPT unha ferramenta para seguir realizando actividade, xa que “facilita moito facer efectiva esa colaboración”.

Votación

Ata o vindeiro 20 de febreiro todos aqueles veciños e veciñas de Tomiño e Cerveira que aparezan rexistrados no censo electoral poderán exercer o seu dereito a voto para esta segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo, unha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal incluída na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Para votar só é necesario entrar na páxina web www.participacerveiratomino.eu, encher o formulario cos datos persoais, premer en ‘Participa’, seleccionar un proxecto por cada categoría e votar. Deberá sinalar ademais se está empadroado en Tomiño ou Cerveira e engadir un enderezo electrónico. A participación é validada tras o cruzamento da información persoal do rexistro cos datos do centro electoral, co fin de que o proceso sexa o máis transparente e seguro posible.



Proxecto: “Axenda Estratéxica de Cooperación Trasfronteiriza Cerveira-Tomiño”

cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.