Dous días de convivencia e intercambio cultural, proposta das treboadas de Tomiño e Cerveira para o Orzamento Participativo

Promover o intercambio cultural e turístico “entre dous concellos veciños e amigos” como son Cerveira e Tomiño. Ese é o obxectivo da iniciativa ‘Sabores da Aldeia e Sons das Treboadas Transfronteirizas’, a proposta feita pola Asociación Treboada Baixo Miño e pola Asociación Cultural e Recreativa Bombos S. Tiago de Sopo para a segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo.

Con esta iniciativa os promotores buscan realizar “un encontro entre treboadas de Galicia e Portugal durante toda unha fin de semana nos que tocar a nosa música, ter postos propios e contar artesáns coa intención de atraer a canta máis xente mellor”, salienta Rubén Regueiro, da Asociación Treboada Baixo Miño.

Para promover este intercambio cultural e turístico á vez que se divulga e preserva a riqueza gastronómica, musical, etnográfica e artesanal de ambas as dúas localidades farase un encontro de bombos e treboadas para animar o evento, montar ‘tasquinhas’ tradicionais, ‘barraquinhas’ con produtos artesanais e espazos de produtos rexionais, así como facer una exposición de instrumentos musicais tradicionais e unha demostración da utilización da ‘Gaita de Foles’. O evento celebraríase o fin de semana do 26 e 27 de maio, o sábado no centro de Cerveira por ser alí feira e o domingo no concello de Tomiño.

É a primeira vez que a Asociación Treboada Baixo Miño presenta algunha iniciativa para desenvolver de forma conxunta entre Tomiño e Cerveira ao abeiro do Orzamento Participativo, pero non será a última. “Se este ano non sae a nosa proposta seguiremos intentándoo en vindeiras edicións e traballando para mellorala. Se sae non descartamos seguir propoñendo actividades”, asegura.

Votación

Ata o vindeiro 20 de febreiro todos aqueles veciños e veciñas de Tomiño e Cerveira que aparezan rexistrados no censo electoral poderán exercer o seu dereito a voto para esta segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo, unha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal incluída na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Para votar só é necesario entrar na páxina web www.participacerveiratomino.eu, encher o formulario cos datos persoais, premer en ‘Participa’, seleccionar un proxecto por cada categoría e votar. Deberá sinalar ademais se está empadroado en Tomiño ou Cerveira e engadir un enderezo electrónico. A participación é validada tras o cruzamento da información persoal do rexistro cos datos do centro electoral, co fin de que o proceso sexa o máis transparente e seguro posible.



Proxecto: “Axenda Estratéxica de Cooperación Trasfronteiriza Cerveira-Tomiño”

cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.