Asociacións e promotores de Galicia e Portugal presentan 5 candidaturas ao OPT 2020

A cidadanía de Cerveira e Tomiño poderán votar os dous proxectos que máis lles gusten dende o 15 de novembro ao 15 de decembro

 

O Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) 2020 xa ten novas propostas enriba da mesa. Un total de 27 asociacións e promotores de Galicia e Portugal participaron no proceso que desembocou finalmente na presentación de cinco proxectos para participar na cuarta edición do OPT de Cerveira e Tomiño, unha iniciativa que busca permitir o coñecemento e intercambio de persoas, asociacións e entidades que comparten intereses e obxectivos a ambas beiras do Miño e que trata de promocionar a igualdade de oportunidades e o reforzo da participación pública da cidadanía transfronteiriza na procura de solucións para problemas comúns.

O período de votación de propostas estará aberto do 15 de novembro ao 15 de decembro e nel poderán participar todos os veciños e veciñas residentes en Vila Nova de Cerveira e Tomiño e maiores de idade, sendo obrigatorio dar o voto a dous proxectos. Todas as votacións realizaranse a través da plataforma online participacerveiratomino.eu, garantindo a transparencia do proceso participativo. Esta votación popular servirá para elixir os dous proxectos preferidos pola cidadanía, proxectos que serán desenvolvidos en 2020 en que contarán cada un cun orzamento de 10.000 euros.

Dotado con 20.000 euros, o OPT é unha das prioridades da Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño, coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas marxes do río Miño. É un proxecto cofinanciado en 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza, a través de fondos FEDER da Unión Europea.

LISTA DE PROXECTOS

“As Rotas Minho/Roteiros Miño”: busca unir dous países a través das andainas para poder coñecer camiñando polos dous territorios a nivel paixasístico, cultural, patrimonial, ambiental e natural. Os seus promotores son o Clube Celtas do Minho e Carlos Xabier Oliveira Ortega.

“Intercambio interxeracional”: procura promover a interrelación entre nenos, nenas e maiores institucionalizados, con sesións de intercambio de experiencias, anécdotas, lingua e coñecementos. Os seus promotores son a Santa Casa da Misericordia de Vila Nova de Cerveira e a súa Creche e Jardim de Infáncia, e a Escola Infantil Mi primer paso.

“Experiencies4all”: ten coma fin a posta en marcha de experiencias guiadas/orientadas nas áreas de patrimonio, turismo, ocio e cultura. Os promotores desta proposta son Patrick Alves Esteves e a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade.

“Pensar o corpo, mover a mente”: propón unha fin de semana de actividades deportivas, artísticas e de ocio para todos os públicos. Os seus promotores son o Club de Fitness de Cerveira CITIUS Fit (Asociación sen fins lucrativos) e a Asociación Sociocultural Senraia.

 “Unha pinga de auga”: busca dar a coñecer o patrimonio inmaterial relacionado coa auga dos dous municipios a través de talleres, visitas e actividades dirixidas á poboación máis nova. Ten como promotores a Coxapo e á Associaçao Amigos dos Espaços Naturais de Reboreda.

A web de votación recolle información máis ampla sobre cada unha das candidaturas.



Proxecto: “Axenda Estratéxica de Cooperación Trasfronteiriza Cerveira-Tomiño”

cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.