O Orzamento Participativo Transfronteirizo dá voz á mocidade

A Eurocidade Cerveira-Tomiño pon en marcha unha nova edición desta iniciativa. A votación, que está dirixida a mozos e mozas de 12 a 25 anos, será do 9 ao 13 de decembro

Co obxectivo de integrar á mocidade no proceso participativo, a Eurocidade Cerveira-Tomiño pon en marcha unha nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), que nesta ocasión estará enfocado á xuventude. A votación, dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 25 anos que residan ou estuden en Tomiño ou Vila Nova de Cerveira, celebrarase entre o 9 e o 13 de decembro. Os catro proxectos entre os que poderán elixir xa se poden coñecer na páxina web do OPT 2023.

Cada mozo e moza vai ter a oportunidade de votar o seu proxecto preferido e as dúas iniciativas que resulten máis votadas serán as finalmente financiadas polos concellos de Tomiño e Cerveira cun importe total conxunto de 20.000 euros. Os proxectos propostos este ano foron seleccionados tras dous encontros realizados en abril e xullo co obxectivo de integrar á mocidade no proceso de actualización da Axenda Estratéxica da Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030.

Durante as sesións, que se celebraron en Vila Nova de Cerveira e Tomiño, realizáronse dinámicas de grupo coas persoas participantes que posibilitaron unha aproximación entre mozos e mozas dos dous concellos, permitindo o reparto e o recoñecemento de intereses e ideas comúns e dar prioridade aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Deste xeito, o proxecto ‘Música Nova’ terá como base obradoiros de educación para os valores a través da música, ensaios de grupos musicais, improvisacións e miniconcertos e actuacións de rúa. Pola súa parte, o proxecto ‘Xogos Eurocidade’ dinamizará diversas actividades deportivas baseadas en xogos tradicionais, así como en probas típicas dos xogos sen fronteira adaptadas aos recursos e deportes máis actuais, como o paintball, slide…

Nesta votación os e as participantes tamén poderán optar por dous proxectos dedicados ao clima, ‘Eurocidade polo clima’ e ‘Youth4Clima’. O primeiro terá como base obradoiros formativos en competencias de comunicación (uso de redes sociais e comunicación audiovisual) e planificación de actividades, campañas de sensibilización dirixida á poboación sénior e á poboación activa, campañas e actividades de sensibilización en ambiente escolar, encontros e debates ou actos de intercambio con campañas internacionais contra as alteracións climáticas. Pola súa banda, a segunda iniciativa centrarase en talleres de reutilización de residuos cotiás e de utilización de recursos naturais locais na produción de produtos (por exemplo, xabóns, deterxentes, velas…), accións de reforestación da marxe da ribeira, un programa anual de limpeza das marxes artellado entre os dous concellos e entre freguesías, accións de capacitación da mocidade sobre fauna de ribeira (aves, mamíferos, peixes e anfibios) e flora autóctona e de ribeira, intervención artística en colaboración con entidades culturais do territorio, unha exposición fotográfica ou de vídeos, un herbario individual e Ciencia Cidadá – Plataforma de xeorreferenciación de especies invasoras.

Os proxectos buscan contribuír a acadar as metas dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas número 3, 4, 6, 11, 13 e 15.

O proceso participativo realizarase nos centros educativos e en liña, dependendo das e dos participantes: os mozos e mozas de entre 12 e 18 anos que estuden en Tomiño ou Vila Nova de Cerveira votarán nos centros de ensino, mentres que a rapazada con máis de 18 anos ou con idades comprendidas entre os 12 e os 25 anos que non estean matriculados en ningún centro de ensino de Cerveira e Tomiño poderán votar directamente na páxina web do OPT2023.

Con esta nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo os dous municipios transfronteirizos continúan traballando de forma conxunta para adoptar medidas en liña co seu compromiso de compartir cada vez máis servizos, proxectos e iniciativas.



Proxecto: “Axenda Estratéxica de Cooperación Trasfronteiriza Cerveira-Tomiño”

cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.