09 Dec A mocidade elixe os seus proxectos favoritos no Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023
A votación, dirixida a rapaces e rapazas de Tomiño e Cerveira de 12 a 25 anos, será dende este 9 ata o 13 de decembro
O Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) da Eurocidade Cerveira-Tomiño arranca este venres 9 de decembro a súa fase de votacións cunha edición que lle dá especial protagonismo á mocidade. Dende hoxe e ata o vindeiro 13 de decembro, os rapaces e rapazas de entre 12 e 25 anos que residan ou estuden en Tomiño e Cerveira poderán elixir o seu favorito entre os catro proxectos que optan a conseguir o financiamento para desenvolverse no vindeiro 2023.
Nesta edición, o proceso participativo realizarase tanto nos centros educativos como en liña, dependendo das e dos participantes: así, os mozos e mozas de entre 12 e 18 anos que estuden en Tomiño ou Vila Nova de Cerveira votarán nos centros educativos, mentres que a rapazada con máis de 18 anos ou con idades comprendidas entre os 12 e os 25 anos pero que non estean matriculados en ningún centro destes dous concellos poderá votar ata o día 12 a través da páxina web do OPT2023.
Durante cinco días, rapaces e rapazas poderán escoller así o proxecto ‘Música Nova’, que terá como base a realización de obradoiros de educación en valores a través da música, ensaios de grupos musicais, improvisacións e miniconcertos e actuacións de rúa.
Outra das iniciativas a votación son os ‘Xogos Eurocidade’, que procura dinamizar diversas actividades deportivas baseadas en xogos tradicionais, así como en probas típicas dos xogos sen fronteira adaptadas aos recursos e deportes máis actuais, como o paintball, slide…
A preocupación polo cambio climático tamén está presente entre as catro propostas do OPT2023. Así, con ‘Eurocidade polo clima’ desenvolveranse obradoiros formativos en competencias de comunicación (uso de redes sociais e comunicación audiovisual) que servirán de base para a planificación de actividades, campañas de sensibilización dirixida á poboación sénior, á poboación activa ou en ambiente escolar, encontros e debates ou actos de intercambio con campañas internacionais contra as alteracións climáticas.
Por outra banda, a través de ‘Youth4Clima’ poderase participar en talleres de reutilización de residuos cotiás e de utilización de recursos naturais locais na produción de produtos (por exemplo, xabóns, deterxentes, velas…); en accións de reforestación da marxe da ribeira e nun programa anual de limpeza das marxes artellado entre os dous concellos e entre freguesías, ou en actividades de capacitación da mocidade sobre fauna de ribeira (aves, mamíferos, peixes e anfibios) e flora autóctona.
Deste xeito, a rapazada terá a última palabra á hora de escoller as dúas iniciativas que finalmente serán financiadas cun importe total conxunto de 20.000 euros polos concellos de Tomiño e Cerveira.