08 Feb A Asociación Vontade, única entidade que propón un proxecto para cada eido no Orzamento Participativo
Tres categorías, oito propostas… e un só click e poucos minutos para que poida facer realidade. O Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) continúa coas votacións para elixir os proxecto de cooperación que se realizarán ao longo de 2018 de forma conxunta entre Tomiño e Cerveira ao acubillo desta iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal incluída na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.
Esta segunda edición do OPT recibiu un total de 8 proxectos de cooperación propostos por 12 entidades, pero soamente unha decidiu presentar unha proposta para cada ámbito: a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade. “Vimos unha posibilidade de cara á cidadanía no eido da discapacidade, pero serviranos para dar un paso máis alá e traballar para conseguir conseguir un mundo accesible para todos”, explica o seu presidente, Miguel Pazo.
Experiencias piloto
Non é a primeira vez que Vontade participa de xeito activo no OPT, xa que figuraba como parceiro nun dos proxectos gañadores da edición anterior: con ‘Accesibilidade sen fronteiras’ buscaban concienciar á sociedade sobre as problemáticas de exclusión motivadas por discapacidades físicas e intelectuais e fomentar o traballo en rede das entidades de voluntariado social de Cerveira e Tomiño. “A posta en marcha destes proxectos resúltanos bastante útil, porque nos permite romper a dinámica de fronteira entre España e Portugal. Temos unha lexislación que nos atropela á hora de traballar en conxunto e estes proxectos sérvennos como experiencia piloto”, subliña Pazo.
Tres ideas, tres ámbitos
As tres propostas nacen do “fluír do traballo diario” con distinta xente e asociacións. A primeira delas, na área de Territorio e Medio Ambiente, propón facer unha App de turismo accesible para dispositivos móbiles “que aínda que poida parecer pensada soamente para persoas con algún tipo de discapacidade pode servir de guía para visitar zonas de interese en Tomiño e Cerveira e achegar información sobre os lugares e monumentos máis destacados e funcionar como guía turística para todo o mundo” ademais de atraer visitantes con mobilidade reducida a ambos os dous concellos. Neste proxecto Vontade vai da man de ACAPO e da Escola Superior Gallecia.
Con estas dúas entidade, Vontade tamén presentou como proposta nesta segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo a realización dunhas xornadas de accesibilidade para todos enmarcadas na área de Educación e Cultura. O obxectivo é crear debate entre asociacións, institucións, arquitectos e estudantes para a sensibilización en cuestións de accesibilidade e buscar solucións para todas as dificultades atopadas.
“Pareceunos unha boa forma de guiar aos técnicos municipais en accesibilidade, porque a pesar de que hai unha lexislación clara e moi definida non sempre é unha prioridade e moitas veces chégase a situacións esperpénticas”, recorda o presidente de Vontade, quen tamén salienta que no caso de Tomiño “a accesibilidade está fomentada dende o propio concello, pero accesibilidade no sentido máis amplo, non soamente dirixida a persoas con discapacidade, senón a futuros pais e nais que teñen que levar un carro de bebé, a persoas maiores, a persoas cunha discapacidade temporal…”.
Na categoría de Deporte e Lecer, a asociación tomiñesa é promotora xunto coa Associacao Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira da proposta ‘Deporte náutico para todos’. Trátase dunha iniciativa dirixida especialmente á mocidade para achegalos ao río ao tempo que se fomenta a actividade deportiva, o lecer inclusivo e saudable e a unidade transfronteiriza. “Temos o río ao lado e son poucos os que poden desfrutar del. O que buscamos son deportes como remo ou motonáutica coas que dar a coñecer o Miño aos rapaces e rapazas de ambos os dous concellos”, explica Pazo. O proxecto propón desenvolver coloquios informativos e actividades escolares, organizar xornadas de actividade náutica no río Miño e sinalizar tanto o río como o campo de regatas.
Votación
Ata o vindeiro 20 de febreiro todos aqueles veciños e veciñas de Tomiño e Cerveira que aparezan rexistrados no censo electoral poderán exercer o seu dereito a voto para esta segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo. Soamente é necesario entrar na páxina web www.participacerveiratomino.eu e rexistrarse con nome, apelidos e número de DNI, premer en ‘Participa’, seleccionar un proxecto por cada categoría e votar. Deberá sinalar ademais se está empadroado en Tomiño ou Cerveira e engadir un enderezo electrónico. A participación é validada tras o cruzamento da información persoal do rexistro cos datos do centro electoral, co fin de que o proceso sexa o máis transparente e seguro posible.