A Comisión Técnica acepta as cinco propostas presentadas para participar no OPT 2020

O período de reclamacións estará aberto ata o vindeiro 11 de novembro. O período de votación popular será do 15 de novembro ao 15 de decembro

 

Tras a análise técnica e a revisión este venres das propostas recibidas, a Comisión Técnica decidiu aceptar os cinco proxectos presentados para participar na 4ª edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) Cerveira-Tomiño, un mecanismo orientado á promoción da igualdade de oportunidades e ao reforzo da participación pública da cidadanía transfronteiriza na procura de solucións para problemas comúns.

Os proxectos presentados foron os seguintes:

  • ‘As Rotas Minho/Roteiros Miño’, promovido po Clube Celtas do Minho e Carlos Xabier Oliveira Ortega.
  • ‘Intercambio interxeracional’, presentado por Santa Casa da Misericordia, e a súa Creche e Jardim de Infáncia, de Vila Nova de Cerveira, e Escola Infantil Mi primer paso.
  • ‘Experiencies4all’, de Patrick Alves Esteves e a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade.
  • ‘Pensar o corpo, mover a mente’, proposto por CITIUS FIT e SenRaia.
  • ‘Unha pinga de auga’, presentado por Coxapo e pola Associaçao Amigos dos Espaços Naturais de Reboreda.

O período de reclamacións permanecerá aberto ata o vindeiro 11 de novembro. Tras a publicación da listaxe definitiva de propostas aceptadas, darase paso á fase de votación. As votacións comezarán o vindeiro 15 de novembro e estarán abertas ata o 15 de decembro (ata as 23:00 h en Portugal, 00:00 h en Galicia).

Dotado con 20.000 euros, o OPT é unha das prioridades da Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño, coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas marxes do río Miño. É un proxecto cofinanciado en 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza, a través de fondos FEDER da Unión Europea.



Proxecto: “Axenda Estratéxica de Cooperación Trasfronteiriza Cerveira-Tomiño”

cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.