16 Xul Tomiño e Cerveira impulsan unha nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo
Cidadanía e asociacións de Tomiño e Vila Nova de Cerveira están convocadas o mércores 18 de xullo para comezar un novo proceso de intercambio de ideas e presentación de proxectos conxuntos que rematará coas votacións previstas para finais de ano. Dotado con 20.000€, o Orzamento participativo transfronteirizo (OPT) é unha das prioridades da Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño, coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión das cidadás e dos cidadáns de ambos os dous concellos. Só nas dúas primeiras edicións o nivel de implicación aumentou exponencialmente e ábrese agora unha nova oportunidade para formular e defender solucións para problemas ou necesidades comúns.
A reunión celebrarase o mércores 18 de Xullo, as 19h (hora galega) no Salón de Plenos do Concello de Tomiño para tratar, entre outros, os seguintes puntos:
- Información sobre proxectos OPT 2018 en desenvolvemento
- Principais conclusións do estudo de opinión sobre actividades e servizos transfronteirizos.
- Regulamento e prazos de presentación de proxectos para o OPT2019
- Intercambio de ideas e presentacións sobre posibles proxectos conxuntos entre as persoas e asociacións asistentes.
A xuntanza será inaugurada por Sandra González, Alcaldesa de Tomiño e Joao Fernando Brito Nogueira, Presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira.
O Orzamento participativo transfronteirizo forma parte da Axenda Estratéxica Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea, que impulsa tamén iniciativas como a da Valedora da cidadanía transfronteiriza, ademais de diversas accións para facilitar o uso compartido de servizos e a dinamización económica do territorio.