A cidadanía de Cerveira e Tomiño elixe actividades comúns para nenos e nenas como gañadoras do OPT 2019

A realización de dous programas infantís que promoven unha maior aproximación entre os nenos e nenas dos dous concellos veciños foron as propostas elixidas na edición 2019 do Orzamento Participativo Transfronteirizo

Os proxectos ‘Actividades artísticas e ambientais para a poboación infantil’ e ‘Actividades lúdico-educativas para unhas vacacións activas e creativas’ recadaron a maioría dos 800 votos contabilizados

A terceira edición do OPT quedou marcada por conseguir unha maior mobilización de entidades parceiras

Tras preto de 20 reunións para explorar eventuais alianzas ou a posibilidade de desenvolver proxectos conxuntos, a dinámica entre as asociacións galegas e portuguesas volveuse intensa a través dun intercambio de coñecementos e dun reparto de intereses e obxectivos que rematou coa presentación de seis propostas por 18 entidades de ambos os dous lados da fronteira.

Rematado o período de votación, xa se coñecen os dous proxectos vencedores do OPT 2019 que executaranse o vindeiro ano e que teñen como denominador común o intercambio de nenos e nenas en accións lúdico-pedagóxicas e que están promovidos polas mesmas entidades: a Asociación de Pais do Centro Escolar da Vila, a Asociación de Pais do Centro Escolar do Norte e a Mesa de Anpas dos Centros Educativos de Tomiño.

Unha das propostas vencedoras foi ‘Actividades artísticas e ambientais para a poboación infantil de Vila Nova de Cerveira e Tomiño’, unha iniciativa dirixida a un máximo de 300 nenos e nenas entre os 3 e os 12 anos coa que se busca fomentar a educación en valores e a sensibilización na ecoloxía mediante a vivencia e o contacto co medio rural, visitas guiadas a unha granxa escola, actividades creativas con materiais de refugallo…

A segunda proposta elixida por ambas as dúas poboacións veciñas titúlase ‘Actividades lúdico-educativas para unhas vacacións activas e creativas’, a executar entre xullo e agosto do próximo ano e na que participarán ata 100 nenos. Un dos obxectivos deste proxecto consiste en ofertar alternativas de conciliación profesional para familias e de atención a nenos e nenas ao terminar o período escolar, a través de iniciativas de lecer ao aire libre nas vacacións de verán.

A pesar de non acabar sendo elixidas, as restantes catro propostas (‘Pensar o Corpo. Mover a Mente’; ‘Sostibilidade’; ‘Pontes de Arte’ e ‘AMIZ’ARTE Sen Fronteiras’) son reveladoras das ganas das diversas entidades participantes e das sinerxías que poden vir a ser constituídas no futuro en prol da potenciación deste territorio común.

En total rexistráronse arredor de 800 votos, un número de participación que non pode ser medido de forma transversal entre as distintas edicións, xa que cada ano a metodoloxía de implicación da poboación é distinta. No OPT 2019 foron eliminadas as tres áreas temáticas, permitindo un maior envolvemento e diálogo entre as asociacións e entidades, para despois poñer un límite de dous votos obrigatorios por persoa. Tras a divulgación de resultados, o Comité de Xestión Estratéxica Cerveira-Tomiño vai reunir información e proceder á avaliación de todo o proceso de cara a preparar xa a cuarta edición.

Dotado con 20.000 euros, o OPT é unha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e unha das prioridades da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas marxes do río Miño, implicando á veciñanza de Cerveira e Tomiño na procura de solucións conxuntas para necesidades comúns. É un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP a través de fondos FEDER da Unión Europea.



Proxecto: “Axenda Estratéxica de Cooperación Trasfronteiriza Cerveira-Tomiño”

cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.