A Eurocidade Cerveira-Tomiño une á mocidade a través da música

A Eurocidade Cerveira-Tomiño une á mocidade a través da música

Arranca a actividade Música Nova, un dos proxectos elixidos nas votacións dos Orzamentos Participativos Transfronteirizos 2023 

Aberta a inscrición para toda a rapazada de 12 a 30 anos interesada

A Eurocidade Cerveira-Tomiño une á mocidade a través da músicaA mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomiño estará máis unida que nunca grazas á música. Xa está aberto o prazo de inscrición para participar en Música Nova, un dos proxectos elixidos pola rapazada de ambos os dous concellos nas votacións do Orzamento Participativo Transfronteirizo para este ano 2023.

Dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos, a Eurocidade organizará ao abeiro deste programa interesantes actividades coa música como eixo central entre o 1 de abril o 6 de maio, en distintos puntos de Tomiño e Cerveira. Así, rapaces e rapazas poderán participar en talleres de capacitación na carreira profesional, con temas como como comunicar un proxecto de música, achegarse á improvisación, fabricar instrumentos con material de refugallo, facer un rider técnico ou crear efectos especiais sonoros para filmes.

Tamén haberá miniconcertos de rúa e ensaios con diferentes estilos musicais, ademais de ter a oportunidade de conversar con músicos profesionais de Galiza e Portugal.

A actividade rematará cun espectáculo final no Auditorio municipal de Goián, baseado na identidade compartida en torno ao Río Miño, “O Miño que une”, un gran concerto o vindeiro 6 de maio protagonizado polos mozos e mozas participantes no proxecto. O obxectivo deste programa de actividades é “propiciar a implicación da mocidade da Eurocidade en actividades musicais conxuntas, procurando a divulgación da tradición e a aprendizaxe de novos estilos musicais, ademais de promover o espazo público para a divulgación e o intercambio cultural e xeracional”.

Para participar non é imprescindible ter coñecementos musicais. Os mozos e mozas interesadas poden inscribirse a través da web da Eurocidade Cerveira-Tomiño, escollendo tantas actividades como lle interesen. Dado que algunhas delas contan con prazas limitadas, cando finalice o prazo de inscrición enviarase confirmación de horarios e actividades nas que poderá participar cada persoa inscrita.

Música Nova forma parte do proxecto de consolidación estratéxica da cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño, cofinanciado ao 75% pola 6ª Convocatoria do programa INTERREG VA ESPAÑA PORTUGAL (POCTEP) a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

 



Proxecto: “Axenda Estratéxica de Cooperación Trasfronteiriza Cerveira-Tomiño”

cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.