23 Feb Case 2.000 votos para escoller os novos proxectos do Orzamento Participativo Transfronteirizo
Grande éxito de participación nas votacións para escoller as tres actividades que Tomiño e Cerveira realizarán de xeito conxunto durante 2018 ao abeiro da segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo, unha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal incluída na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.
Os proxectos en cifras
Xa por áreas, en Educación e Cultura a iniciativa para promover actividades artísticas dirixidas á poboación escolar de Vila Nova de Cerveira e Tomiño, da Escola Superior Gallaecia e a Mesa de Anpas dos centros educativos de Tomiño, acadou un total de 496 votos. Outro dos proxectos máis votados desta categoría foi a iniciativa ‘Sabores de Aldeia e Sons das Treboadas Transfronteiriças’, promovida pola Associaçao Cultural e Recreativa Bombos S. Tiago de Sopo e a Asociación Treboada Baixo Miño, con 460 votos. O intercambio musical transfronteirizo proposto pola Academia de Música Fernandes Fao e a Agrupación Musical de Goián obtivo 23 apoios e as Xornadas de accesibilidade para todos, da Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade, a Escola Superior Gallaecia e ACAPO obtivo 10.
No ámbito deportivo e de lecer presentáronse dúas iniciativas: Deporte Náutico para todos, de Vontade e a Associaçao Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira, que obtivo 447 votos, e BTT&Trail Running en Cerveira e Goián, promovida por Gilberto Fagundes e Isaac da Cuña, que rematou cun total de 193 votos.
Xa na área de Territorio e Medio Ambiente, os e as votantes puideron optar polo proxecto para crear unha App de turismo accesible, promovida pola Escola Superior Gallaecia, Acapo e Vontade, que conseguiu 228 votos, ou pola iniciativa ‘Felices nas compras’, da Unión de Consumidores de Galicia e da Associaçao Portuguesa para a Defesa do Consumidor, que acadou 51 apoios.
Grande éxito de participación
Pecháronse así dous meses de votacións cun grande éxito de participación nos que se recolleron un total de 1.908 votos, o 53,66% de Tomiño e o 46,33% de Cerveira, unha cifra que multiplica case por dez a participación do ano anterior. Estes votos foron emitidos por un total de 1.302 persoas, dos que o 57,98% foron cerveirenses e o 42,01% tomiñeses e tomiñesas. Cada votante podía entrar na web do proxecto para dar o seu apoio ata a tres iniciativas das oito presentadas, unha por cada ámbito de desenvolvemento: Educación e Cultura, Deporte e Lecer e Territorio e Medio Ambiente.
A participación nesta ocasión supón un gran cambio con respecto á primeira edición do OPT, que contou cunha participación simbólica de 200 votos procedentes de 91 votantes. Este aumento de participación vese reflexado en cada unha das áreas nas que se dividen as actividades propostas nestas eleccións. Así, se o ano pasado sumaban un total de 124 votos entre as categorías de Educación e Cultura, nesta edición aglutináronse ambas áreas nunha soa e recadaron un total de 989 votos. Fronte aos 74 votos da categoría de Acción social da primeira edición, este ano houbo 640 votos totais en Deporte e Lecer e 279 en Territorio e Medio Ambiente.
Tras a validación técnica dos votos realizada onte se coñecerán os proxectos elixidos nos próximos días. Cada un dos votos emitidos pasou unha validación técnica na que se cruzou a información persoal do rexistro cos datos do censo electoral das dúas localidades, co fin de que o proceso sexa o máis transparente e seguro posible.