Consumidores e accesibilidade, protagonistas na categoría de Territorio e Medio Ambiente para o II Orzamento Participativo Transfronteirizo

A cidadanía segue tendo a golpe de rato a última decisión sobre que actividades desenvolver ao longo deste 2018 dentro da segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo. Os veciños e veciñas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira terán ata o vindeiro 20 de febreiro para escoller tres proxectos de entre os oito presentados por parceiros de ambos os dous lados do Miño, dous deles dentro da categoría de Territorio e Medio Ambiente e que teñen aos consumidores e a accesibilidade como protagonistas.

Dous proxectos a elixir

Nesta categoría, a Asociación Portuguesa para a Defensa do Consumidor (DECO) e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) propuxeron a iniciativa ‘Felices nas compras’, un proxecto que intenta reforzar as relacións comerciais transfronteirizas entre ambos os dous municipios, informar aos consumidores sobre os seus dereitos e resolver conflitos de consumo transfronteirizo.

Cun orzamento previsto de 5.758 euros, esta iniciativa contempla a creación dun Gabinete de Apoio ao Consumidor nos dous países dotados das competencias suficientes para resolver os conflitos máis rapidamente e dar resposta aos consumidores. Ademais, prevé a creación dunha liña directa entre os colaboradores municipais para a resolución de dúbidas, dunha web que aglutine todo o proxecto e da celebración dun debate sobre o tema con figuras de renome dentro da área do Dereito do Consumo.

O segundo proxecto presentado trátase da creación dunha aplicación para dispositivos móbiles inclusiva para reforzar a accesibilidade e atraer visitantes con mobilidade condicionada tanto a Tomiño como a Cerveira. Coa ‘APP Turismo Accesible’ proponse a posta en marcha de itinerarios accesibles con indicación dos principais puntos artísticos, culturais e turísticos da rexión con información sobre a súa accesibilidade con audiodescrición e empregando a realidade virtual aumentada como incitadora á participación de novos públicos.

Esta iniciativa, presentada pola asociación de persoas con discapacidade Vontade, ACAPO e a Escola Superior Gallaecia, conta cun custo previsto de arredor de 7.000 euros. Comezaría coa recollida de información sobre accesibilidade en locais culturais e turísticos para seguir coa investigación e experimentación de técnicas de deseño inclusivo para a creación da app accesible e para o desenvolvemento da interactividade dos itinerarios e outros elementos da aplicación. Unha vez desenvolvida a app, probada e corrixida presentaríase ao público xeral.

Como votar?

Ata o vindeiro 20 de febreiro todos aqueles veciños e veciñas de Tomiño e Cerveira que aparezan rexistrados no censo electoral poderán exercer o seu dereito a voto para esta segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo. Soamente é necesario entrar na páxina web www.participacerveiratomino.eu e rexistrarse con nome, apelidos e número de DNI, premer en ‘Participa’, seleccionar un proxecto por cada categoría e votar. Deberá sinalar ademais se está empadroado en Tomiño ou Cerveira e engadir un enderezo electrónico. A participación é validada tras o cruzamento da información persoal do rexistro cos datos do centro electoral, co fin de que o proceso sexa o máis transparente e seguro posible.

O Orzamento Participativo Transfronteirizo é un proxecto incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerviera, cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea, e que busca implicar á poboación de ambos os dous municipios na procura de solucións para necesidades comúns.



Proxecto: “Axenda Estratéxica de Cooperación Trasfronteiriza Cerveira-Tomiño”

cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.