Continúan as votacións para elixir os proxectos do II Orzamento Participativo Transfronteirizo

A cidadanía que non participou na elección de actividades do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) para desenvolver de forma conxunta entre Tomiño e Cerveira aínda está a tempo. Ata o vindeiro 20 de febreiro, os veciños e veciñas destas dúas localidades poderán escoller mediante votación telemática os proxectos de cooperación que se realizarán ao longo de 2018 ao acubillo da segunda edición desta iniciativa, pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e que busca implicar á poboación de ambos os dous concellos na procura de solucións para necesidades comúns. O OPT está incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Oito proxectos a escoller

Nesta ocasión, a cidadanía de Cerveira e Tomiño terá que escoller entre oito proxectos de cooperación propostos por 12 entidades e dous cidadáns de ambos os dous concellos, cada unha correspondente a unha destas tres categorías: Educación e Cultura, Deporte e Lecer e Territorio e Medio Ambiente.

Entre os proxectos presentados para esta segunda edición está a organización de actividades artísticas dirixidas á poboación escolar de Vila Nova de Cerveira e de Tomiño ou un intercambio musical transfronteirizo entre a Escola de Música de Goián e a Academia de Música Fernandes Fâo.

No ámbito deportivo a cidadanía terá que escoller entre a creación dunha pista en terra batida para a práctica e o fomento do BTT&Traill Running a ambos dous lados do Miño ou o fomento de deportes náuticos entre mozos e mozas en risco de exclusión social.

Outras dos proxectos a elixir é ‘Felices nas compras’, un programa co que abordar os problemas que poidan xurdir aos consumidores á a nivel de comercio transfronteirizo, ou ‘Sabores da Aldea e Sons das Treboadas Transfronteirizas’, pensado para promover o intercambio cultural e turístico dos concellos de Tomiño e Cerveira divulgando e preservando a riqueza gastronómica, musical, etnográfica e artesanal.

Os veciños e veciñas de ambos os dous municipios tamén poderán escoller entre un proxecto para a creación dunha aplicación para dispositivos móbiles para fomentar o turismo accesible e atraer a visitantes con mobilidade reducida ou a posta en marcha das xornadas ‘Accesibilidade para todos’, coas que se pretende facer un estudo dos problemas de accesibilidade en Tomiño e Cerveira.

Votación

O proceso de votación é sinxelo. Os interesados e interesadas deberán entrar na páxina web www.participacerveiratomino.eu e rexistrarse con nome, apelidos e número de DNI, premer en ‘Participa’, seleccionar un proxecto por cada categoría e votar. A participación é validada tras o cruzamento da información persoal do rexistro cos datos do centro electoral, co fin de que o proceso sexa o máis transparente e seguro posible.



Proxecto: “Axenda Estratéxica de Cooperación Trasfronteiriza Cerveira-Tomiño”

cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.