Xa está aberto o proceso para a presentación de proxectos para a nova edición do OPT

Tomiño e Vila Nova de Cerveira continúan dando pasos na súa aposta por compartir cada vez máis servizos, proxectos e iniciativas conxuntas. O salón de plenos do Concello acolleu a pasada semana a presentación dunha nova edición dos Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT). Á reunión asistiron vinte representantes de entidades e asociacións pertencentes a distintos eidos e procedentes dos dous municipios. O encontro, ao que asistiu a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, serviu para levar a cabo un intercambio de ideas entre a administración, a veciñanza e as asociacións e presentar iniciativas sobre posibles proxectos conxuntos.

Dende onte xa está aberto o proceso para a presentación de propostas. Os interesados poden presentar as súas iniciativas ata o 22 de outubro e as votacións celebraranse entre o 8 de novembro e o 16 de decembro. As persoas que queiran votar deberán ser maiores de idade e ser residentes en Tomiño ou en Vila Nova e Cerveira. As propostas poden ser presentadas conxuntamente por persoas ou asociacións de calquera dos dous Concellos. Os dous proxectos ganadores contarán cunha financiación de 10.000 euros cada un. Todo o o proceso de candidaturas e votacións levarase a cabo a través da páxina web https://participacerveiratomino.eu/ .

Dotado con 20.000 euros, o Orzamento Participativo Transfronteirizo é unha das prioridades da Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño, coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas beiras do Miño. Xa nas edicións anteriores a participación superou todas as expectativas. E agora espérase que a veciñanza volva a involucrarse na presentación de proxectos que propoñan solucións a problemas comúns de Tomiño e Vila Nova de Cerveira.

O OPT é un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza a través de fondos FEDER da Unión Europea. A Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira impulsa tamén iniciativas como a valedora do pobo transfronteiriza e accións para facilitar o uso compartido de servizos e a dinamización económica do territorio.



Proxecto: “Axenda Estratéxica de Cooperación Trasfronteiriza Cerveira-Tomiño”

cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.